O pasado 11 de abril recibiunos na súa granxa José Angel, con quen compartimos unha agradable xornada aprendendo un montón de cousas interesantes dos ovos e das galiñas.
Puidemos coñecer a fondo o seu proxecto agroecolóxico no que cada pequeno detalle está pensado coa filosofía de que o produto ecolóxico poida estar ao alcance de todos. Así é que con moita sabedoría, enxeño e traballo, José Angel consegue ofrecernos un produto de calidade a un prezo moi razoable.
A situación da granxa é privilexiada, nun fermoso val entre Sobrado e Teixeiro.
Ten unha nave para as galiñas, cos poñedoiros ,e unha extensión ao redor, na que vai rotando as parcelas de maneira que as galiñas saen “ao recreo” sempre no campo que ten herba.
Contounos moitos dos seus “truquiños” para ter unhas galiñas tan ben educadas, como o de poñer o radio para que non o escoiten chegar e se tropiquen por saír as primeiras, ou o “ovo de xoguete” co que collen o hábito de facer a posta no poñedoiro.
Mais aló, vemos os campos onde cultiva el mesmo o millo e o trigo ecolóxico, que aboa co esterco das galiñas, ¡aquí nada se desperdicia! A metade da alimentación que toman prodúcese na mesma granxa, e quere chegar ao 100% para autoabastecerse. O penso ecolóxico co que complementa a súa alimentación é da composición que el elixe para que a dieta das galiñas sexa balanceada.
Tamén estivemos nos seus alpendres onde garda a maquinaria agrícola e todas as ferramentas.
Visitamos o seu obrador, onde clasifica, sela e almacena os ovos….
Encantounos o seu particular “megahórreo” que adaptou para gardar o millo, do que fora anteriormente unha nave para coellos.
E o que nos quedou moi claro, é que non todos os ovos son iguais….mirade o que pon a galiña que el chama cariñosamente “A Artista”….¡isto si que é ter talento! ¿Contaxiaríallo o seu dono?