Desde a Cooperativa de Consumo de Enerxía Som Energia solicitan ás socias que, na medida das súas posibilidades, participen nunha campaña de ampliación do capital social da cooperativa.
O capital mínimo (e o máis habitual) aportado por cada socia é de 100 euros, pero actualmente, a situación excepcional do mercado eléctrico está tensionando aos proxectos pequenos deste sector.
Ao incrementarse moito os prezos de distribución, a cantidade de cartos necesario para comprar paquetes de enerxía que logo distribuír entre as socias é moito maior, e entre a compra e a venta (e posterior cobro) hai un período no que se necesita liquidez. Pola mesma razón incrementouse a cantidade de garantía que hai que depositar para mercar esa enerxía (de 1 a 5 millóns de euros). E ademais, a medida do goberno de reducir o IVE eléctrico ao 10% non afecta nun primeiro momento á compra ás distribuidoras, que sigue sendo ao 21% ata que o goberno devolva a diferenza. As devolucións deste IVE estímase nuns meses (ata 10 millóns de euros se calcula que teña que devolver Facenda a Som Energia nos próximos meses).
Polo tanto estamos ante un momento excepcional no que, a pesar da fortaleza e estabilidade económica amosada desde o comezo por Som Energia, necesitan reforzar a liquidez mediante aportacións de capital social por parte das socias. Grazas a esta colaboración poderemos seguir mantendo a boa saúde deste marabilloso proxecto cooperativo.
Desde Zocamiñoca decidimos colaborar e aumentar a nosa participación en Som Energia. Animamos a todas as nosas socias e simpatizantes que sexan socias de Som Energia a que, dependendo das súas circunstancias, consideren participar nesta campaña. E ás que aínda non sodes socias dalgún proxecto cooperativo de consumo de enerxía verde, a que esperades? O noso consumo cambia o mundo tanto ou máis que o noso voto. Transformemos e camiñemos cara a un mundo máis verde, máis responsable, máis cooperativo, máis ético e máis xusto!